Presentación do petróglifo da Laxe da Presiña en Peitieiros

O pasado martes 15 de agosto estivemos na presentación do petróglifo da Laxe da Presiña, en Peitieiros (Gondomar). No marco da V Semana Cultural de Peitieiros, o Instituto de Estudos Miñoráns foi convidado para facer a presentación deste novo achado arqueolóxico, ademáis dunha pequena visita nocturna aos gravados que recentemente comezamos a estudar dende o Proxecto Equus.

20953591_1522136587873249_6593946663922252941_n
Cartel publicitario da V Semana Cultural de Peitieiros // Imaxe: Centro Cultural e Veciñal de Peitieiros

Alfredo López (vogal da Comunidade de Montes de Peitieiros) foi o encargado de presentar o acto que foi celebrado na área de lecer de Peitieiros, mentres que Eloy Martínez Soto (arqueólogo e membro da sección de arqueoloxía do IEM e do Proxecto Equus) ofreceu unha charla e unha visita guiada ao petróglifo da Laxe da Presiña. Pola súa banda, Xosé Lois Vilar -coordinador da sección de arqueoloxía do IEM- levou a cabo a contextualización xeográfica e da toponimia da contorna desta xoia da arte rupestre.

20891261_10213722874403080_857097600_n
Momento durante presentación do petróglifo a cargo de Eloy Martínez Soto // Imaxe: Alba Martínez

Durante o acto salientouse a importancia desta nova estación de arte rupestre que, aínda que descuberta en 2015, non comezou a ser estudada ata hai uns meses polos membros da sección de arqueoloxía do IEM.

Un dos circos concéntricos máis impresionantes da Laxe da Presiña, con coviñas entre suco e suco // Imaxe: Eloy Martínez

Neste sentido, o estudo da Laxe da Presiña dividiuse en dúas liñas fundamentais. Por unha banda, a recollida da micro e macro toponimia da área na que se ubica o petróglifo está aportando datos moi interesantes non só sobre os usos que ao longo da historia se lle deron aos terreos desta zona, senón tamén sobre cales foron algúns dos autores dos gravados máis recentes.

IMG_5064logo
Unha das inscricións modernas presentes no petróglifo //  Imaxe: Eloy Martínez

Outra das liñas fundamentais desta primeira fase de estudo foi a documentación 3D do petróglifo mediante fotogrametría dixital. Neste sentido, o rexistro 3D da arte rupestre é un paso fundamental para levar a cabo a identificación dos principais motivos representados no petróglifo cunha nula intervención sobre o soporte pétreo, ademáis de servir como punto de partida para avaliar o seu estado de conservación e planificar futuras medidas de posta en valor do mesmo.

0-32
Vista xeral do petróglifo durante o solpor do verán // Imaxe: Eloy Martínez

Esta técnica está sacando á luz algúns motivos case invisibles para o ollo humano e que debido á erosión se atopan nun lamentable estado de conservación ao borde da desaparición.

Unha vez finalizada a parte de rexistro 3D, o seguinte paso sería a análise dos motivos representados para facer un calco dixital no que se simplifiquen todos os motivos representados. A posta en valor pasaría evidentemente o filtro e a esixencia da limpeza da contorna do petróglifo, xunto coa colocación de paneis explicativos e pasarelas se fose necesario.

CURVAS DE NIVEL E DEM 1logo
Modelo Dixital de Elevacións (DEM) con curvas de nivel da Laxe Da Presiña // Imaxe: Proxecto Equus

A Laxe da Presiña

A Laxe da Presiña é unha estación de arte rupestre situada nunha ladeira ao pé do Lombo do Roxás, na parroquia de Peitieiros (Gondomar), que foi redescuberta polos veciños e veciñas de Peitieiros durante unha repoboación forestal con frondosas realizada en agosto do ano 2015.

laxedapresiñaconescala2
Ortofoto 3D da Laxe da Presiña // Imaxe: Proxecto Equus

Os gravados que conforman esta estación de arte rupestre atópanse nun penedo de granito de case 20 metros de lonxitude que foi vítima de pretéritas labores de cantería e de incendios forestais, tal e como dan fe as numerosas fracturas e termoclastos existentes ao longo de toda a súa superficie.  Polas súas dimensións, o fragueiro constitúe ademais un fito natural na paisaxe que é perfectamente visible dende lonxe e ofrece unhas vistas espectaculares do poñente e da enseada da Ramallosa.

0-26
Vista cara o poñente dende o petróglifo da Laxe da Presiña // Imaxe: Eloy Martínez

Os gravados distribúense por case toda a superficie do penedo, que presenta unha pronunciada inclinación dende a zona central á zona inferior orientada cara ó sur. Nesta parede vertical a temática dos gravados é case exclusivamente xeométrica.

SECTOR5 NORTE 107
Superposición de motivos modernos e prehistóricos (modelo 3D) // Imaxe: Proxecto Equus

A rocha está profusamente gravada de motivos de época histórica (cruces de termo, coviñas, nomes, motivos cuadrangulares, etc.) e prehistórica (circos concéntricos e simples, un semicírculo concéntrico, coviñas, espirais, varios cuadrúpedes, etc.), que se superpoñen por toda a superficie mediante o aproveitamento do relevo e das imperfeccións que a pedra proporciona aos gravados.

0-1
Un dos motivos menos visíbeis gravado na parede suroeste do petróglifo // Imaxe: Eloy Martínez

Na cara nordeste do penedo atópanse a maioría dos motivos modernos, que nalgúns casos conviven con círculos concéntricos e -alomenos- unha espiral, un motivo moi inusual no Grupo Galaico da Arte Rupestre e a segunda coñecida en Gondomar.

espiral
Unha das espirais xunto a gravados de época moderna // Imaxe: Eloy Martínez

Na cara central atopamos a maior densidade de motivos prehistóricos de toda a superficie, que van diminuíndo a medida que nos movemos cara a parte máis occidental do penedo. Dentro dos motivos xeométricos, destaca o gran número de circos simples e concéntricos con coviña central; neste último grupo, destacamos un circo concéntrico incompleto de case 1 metro de diámetro que presenta coviñas entre suco e suco.

0-23
Aproveitamento de diaclasas na creación de motivos // Imaxe: Eloy Martínez

Por outra banda, unha serie de figuras gravadas en base á conxunción de circos concéntricos, coviñas e as diaclasas da rocha, semellan perfilar unha figura antropomorfa; este tipo de representación recorda a outros modelos como os de Chousa de Montañés (Vilarmaior) ou Bouça do Colado (Ponte da Barca, Portugal), que na bibliografía tradicional son interpretados -quizáis con certo optimismo- coma idoliformes.

0-4
Semicírculo concéntrico xunto a outros motivos de difícil lectura // Imaxe: Eloy Martínez

Na cara máis meridional, nunha zona moi empinada, atopamos varios motivos de difícil lectura a causa da erosión entre os que atopamos -apoiado sobre unha diaclasa da pedra- un semicírculo concéntrico con óvalo central do que sobresae un trazo curvo cara a dereita. Trátase dun motivo moi pouco frecuente na arte rupestre galega, que comparte escenario con outros motivos aínda por precisar.

0-12
Posible cuadrúpede gravado na rocha // Imaxe: Eloy Martínez

Un pouco máis abaixo, nunha parede vertical, existe a representación dun cuadrúpede de trazo simple co rabo cara adiante -quizáis un cánido- que se suma ao doutros esquemáticos máis -ou alomenos un- situados na cara oeste do petróglifo. Neste caso, nos cuadrúpedes -tamén esquemáticos pero cuns trazos moito máis esvaecidos- non parecen existir indicios da representación dunha cola.

CUADRUPEDES063 copia
Dúas posibles representacións de cuadrúpedes na Laxe da Presiña (modelo 3D) // Imaxe: Proxecto Equus

A Laxe da Presiña supón un gran descubrimento no ámbito dos gravados rupestres do Val Miñor. Nela conviven -coma se dun palimpsesto se tratara- as pegadas de miles de anos da historia de Peitieiros, aunando arte xeométrica, naturalista e motivos modernos, coa singularidade ademáis de incorporar elementos tan pouco frecuentes no Grupo Galaico da Arte Rupestre como o son as espirais e os semicírculos concéntricos. Esperamos que esta presentación sexa un punto de partida para a posta en valor desta xoia da arte rupestre.

Localización do petróglifo