Presentación oficial da nova estación de arte rupestre atopada en Taboexa (As Neves): o mellor achado no eido da arte rupestre galega dos últimos 20 anos.

0-9
Unha das escenas de monta do panel principal do petróglifo de A Coutada (Taboexa, As Neves) // Imaxe: Eloy Martínez

Os lumes do pasado mes de outubro deixaron á vista varios petróglifos descubertos hai case un mes que veñen confirmar un novo paradigma na arte rupestre galega e portuguesa. A descuberta deste grupo de petróglifos constitúe, pola súa riqueza iconográfica, factura técnica, conservación e localización xeográfica, un dos grandes fitos da investigación arqueolóxica dos últimos tempos en Galicia.

DSC00363.JPG
Momento durante a rolda de prensa //Imaxe: Bruno Centelles

As pedras que falan tralos lumes

O achado casual tivo lugar o pasado 7 de decembro, durante a avaliación de impacto dos lumes que no mes de outubro afectaron ao conxunto de petróglifos do concello de As Neves. Os artífices deste gran descubrimento para a arte rupestre galega foron varios membros e colaboradores do IEM, Cándido Verde Andrés e José Álvarez “O Buraco”, colaboradores da institución, ademáis de Xilberte Manso e Xosé Lois Vilar, membros da sección de arqueoloxía do IEM.

0-14
Panel principal dos petróglifos de A Coutada durante unha visita nocturna //Imaxe: Eloy Martínez

O pasado 29 de decembro tivo lugar a presentación oficial da nova estación de arte rupestre descuberta en Taboexa (As Neves) no Centro de Interpretación do Patrimonio Cultural de Taboexa. O acto foi presentado polo alcade do concello de As Neves, Xosé Manuel Rodríguez Méndez; interviron Xosé Lois Vilar Pedreira, director da sección de arqueoloxía do Instituto de Estudos Miñoráns (IEM), Xilberte Manso de la Torre (IEM), Eloy Martínez Soto (arqueólogo, IEM), Cándido Verde AndrésXosé Álvarez  e Manolo Ledo, todos eles integrantes do Proxecto Equus. 

0-7
Representación dun équido ferido no lombo por unha arma // Imaxe: Eloy Martínez 

Durante a rolda de prensa, o alcalde de As Neves Xosé Manuel Rodríguez, valorou o alcance de este achado, un petróglifo que sen dúbida vai ser toda una referencia da riqueza arqueolóxica do concello de As Neves e que xa ten outros bos exemplos no territorio. O IEM, baixo o amparo do concello de As Neves, xa iniciou os trámites para a catalogación dos petróglifos de A Coutada, primeiro paso para unha posta en valor desta xoia da arte rupestre.

0-3
Representación de dous équidos enfrontados, cun estilo moi inusual, e esculpidos mediante a técnica do baleirado // Imaxe: Eloy Martínez

A intención das autoridades municipais e do IEM é a de chegar a un acordo coa Xunta para levar a cabo unha musealización dos novos paneis, previa limpeza do conxunto arqueolóxico e a instalación dunha plataforma de madeira que permita a visualización do mesmo por parte dos visitantes.

DSC00394.JPG
Algúns dos integrantes do Proxecto Equus. De dereita á esquerda: Xosé Lois Vilar, José Álvarez, Cándido Verde, Xilberte Manso, Manolo Ledo e Eloy Martínez // Imaxe: Bruno Centelles

Os petróglifos

Nunha gran laxe inclinada atopamos varias coviñas ben repartidas pola superficie, algunha figura abstracta, varios antropomorfos sexuados, ademáis de algo máis dunha vintena de zoomorfos orientados en direccións diverxentes ocupando toda a pedra. Trátase, na súa gran maioría, da representación dun conxunto de équidos e algún cánido, dada a presenza -na maior parte das figuras- de colas espesas, orellas, e a ausencia de cornas.

IMG_8216
Imaxe dun dos petróglifos de A Coutada instantes despois de ser descuberto en Taboexa. Na contorna poden apreciarse os devastadores efectos dos lumes do pasado mes de outubro // Imaxe: Eloy Martínez

A escena de caza de cabalos aparece confirmada ademáis pola presenza de antropomorfos e de alomenos un équido ferido por unha lanza ou frecha. Estamos ante un conxunto de cuadrúpedes cunha boa factura, conservación, grande tamaño e diversidade técnica, dado o emprego de alomenos tres técnicas diferentes (baleirado, dobre trazo e trazo simple) nos gravados das rochas.

0-12
Unha das escenas representadas no panel principal, na que conviven -nun espazo moi reducido- tres estilos diferentes para o gravado dos équidos. De arriba cara abaixo: esquemáticos, técnica do baleirado e dobre trazo // Imaxe: Eloy Martínez
XINETE
Un dos gravados máis visíbeis no panel principal: unha escena de monta na que a figura humana está claramente portando un arma 

Nun afloramento granítico situado a carón do panel principal, atopamos alomenos tres cuadrúpedes, un deles de gran tamaño (1 metro de lonxitude) e de carácter esquemático, sendo o maior dos atopados en Galicia e posiblemente un dos máis grandes de toda a península. Neste tipo de representacións, un só trazo define a liña cérvico-dorsal do animal e dela saen as catro patas do mesmo.

0-13
Fotografía nocturna do segundo dos paneis con cuadrúpedes. A cara inferior está presidido polo esquemático máis grande de toda Galicia //Imaxe: Eloy Martínez

Ao norte deste panel atopamos, nunha rocha exenta, o gravado do que parece ser outro cuadrúpede de dobre trazo, neste caso de difícil lectura dada a posición da pedra.

Ao suroeste dos anteriores paneis, atopamos tamén un afloramento granítico ateigado de coviñas, motivos xeométricos, cruces e quizáis a representación dun cuadrúpede esquemático.

IMG_8700.JPG
 Un dos paneis con coviñas, cruciformes e outros motivos de difícil lectura // Imaxe: Eloy Martínez

A importancia deste achado

A presenza de arte figurativa no concello de As Neves constitúe unha gran novidade no mapa da arte rupestre galega, dada a preponderancia da arte abstracta nesta área. Por outra banda, o novo petróglifo de Taboexa confirma o novo paradigma que dende hai máis de dous anos propoñemos para a arte rupestre galega e portuguesa: que dende o fondo da Ría de Vigo ata aproximadamente o río Lima, o animal case exclusivo e multirepresentado non é o cervo como se ten afirmado ata agora, senón os équidos.

Nesta extensísima área xeográfica só coñecemos dez superficies claras con cérvidos, delas só unha, quizais dúas en Portugal, pegadas ó río Miño (Verdoejo), e máis de cen con équidos co mesmo comportamento que os cérvidos. Perseguidos, cazados, ou simplemente representados na pedra. Os équidos cazados vivos ou matados co ser humano como dominador da natureza, perseguindo a pé ou dacabalo e axudado ou non por cánidos e co équido liado nunha trampa ou ferido por unha arma.

Vídeos da Presentación dos novos petróglifos de A Coutada (Taboexa, As Neves):

Proxecto Equus: Confirmando o paradigma

A Laxe da Coutada

Intervención Xosé Manuel Rodríguez Méndez, alcalde de As Neves.

Reportaxes en televisión:

Reportaxe no telexornal rexional de TVE

Reportaxe no telexornal de TVE

Algunhas das noticias que se publicaron sobre o achado nos últimos días:

https://elpais.com/cultura/2018/02/03/actualidad/1517685711_141153.html?id_externo_rsoc=FB_CC

REPORTAXE PROXECTO EQUUS SUPLEMENTO DOMINICAL ESTELA FARO DE VIGO

https://www.elsaltodiario.com/patrimonio/o-lume-que-liberou-aos-cabalos

http://www.eldiario.es/galicia/movimientos_sociales/descubrimiento-rupestre-Galicia-revelado-incendios_0_725827882.html

http://asneves.gal/os-incendios-arrasaron-as-neves-deixan-ao-descuberto-unha-xoia-da-arte-rupestre/

http://praza.gal/cultura/15747/lo-maior-descubrimento-de-arte-rupestre-das-ultimas-duas-decadas-en-galiciar-revelado-polos-incendios/

http://www.culturagalega.org/noticia.php?id=28210

http://www.farodevigo.es/comarcas/2017/12/30/emerge-arte-rupestre/1811771.html

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/sociedad/2017/12/30/incendios-arrasaron-as-neves-dejan-descubierto-joya-rupestre/0003_201712G30P30994.htm

http://www.sermosgaliza.gal/articulo/cultura/cabalos-rupestres-das-neves/20171229142514064716.html

https://valminortv.com/2017/12/30/o-iem-presenta-o-maior-descubrimento-de-arte-rupestre-das-ultimas-duas-decadas-en-galicia/

https://telemarinas.com/arqueologos-de-o-val-minor-y-o-baixo-mino-detras-del-mayor-hallazgo-de-arte-rupestre-de-los-ultimos-20-anos-en-galicia/

Advertisements

Presentación do petróglifo da Laxe da Presiña en Peitieiros

O pasado martes 15 de agosto estivemos na presentación do petróglifo da Laxe da Presiña, en Peitieiros (Gondomar). No marco da V Semana Cultural de Peitieiros, o Instituto de Estudos Miñoráns foi convidado para facer a presentación deste novo achado arqueolóxico, ademáis dunha pequena visita nocturna aos gravados que recentemente comezamos a estudar dende o Proxecto Equus.

20953591_1522136587873249_6593946663922252941_n
Cartel publicitario da V Semana Cultural de Peitieiros // Imaxe: Centro Cultural e Veciñal de Peitieiros

Alfredo López (vogal da Comunidade de Montes de Peitieiros) foi o encargado de presentar o acto que foi celebrado na área de lecer de Peitieiros, mentres que Eloy Martínez Soto (arqueólogo e membro da sección de arqueoloxía do IEM e do Proxecto Equus) ofreceu unha charla e unha visita guiada ao petróglifo da Laxe da Presiña. Pola súa banda, Xosé Lois Vilar -coordinador da sección de arqueoloxía do IEM- levou a cabo a contextualización xeográfica e da toponimia da contorna desta xoia da arte rupestre.

20891261_10213722874403080_857097600_n
Momento durante presentación do petróglifo a cargo de Eloy Martínez Soto // Imaxe: Alba Martínez

Durante o acto salientouse a importancia desta nova estación de arte rupestre que, aínda que descuberta en 2015, non comezou a ser estudada ata hai uns meses polos membros da sección de arqueoloxía do IEM.

Un dos circos concéntricos máis impresionantes da Laxe da Presiña, con coviñas entre suco e suco // Imaxe: Eloy Martínez

Neste sentido, o estudo da Laxe da Presiña dividiuse en dúas liñas fundamentais. Por unha banda, a recollida da micro e macro toponimia da área na que se ubica o petróglifo está aportando datos moi interesantes non só sobre os usos que ao longo da historia se lle deron aos terreos desta zona, senón tamén sobre cales foron algúns dos autores dos gravados máis recentes.

IMG_5064logo
Unha das inscricións modernas presentes no petróglifo //  Imaxe: Eloy Martínez

Outra das liñas fundamentais desta primeira fase de estudo foi a documentación 3D do petróglifo mediante fotogrametría dixital. Neste sentido, o rexistro 3D da arte rupestre é un paso fundamental para levar a cabo a identificación dos principais motivos representados no petróglifo cunha nula intervención sobre o soporte pétreo, ademáis de servir como punto de partida para avaliar o seu estado de conservación e planificar futuras medidas de posta en valor do mesmo.

0-32
Vista xeral do petróglifo durante o solpor do verán // Imaxe: Eloy Martínez

Esta técnica está sacando á luz algúns motivos case invisibles para o ollo humano e que debido á erosión se atopan nun lamentable estado de conservación ao borde da desaparición.

Unha vez finalizada a parte de rexistro 3D, o seguinte paso sería a análise dos motivos representados para facer un calco dixital no que se simplifiquen todos os motivos representados. A posta en valor pasaría evidentemente o filtro e a esixencia da limpeza da contorna do petróglifo, xunto coa colocación de paneis explicativos e pasarelas se fose necesario.

CURVAS DE NIVEL E DEM 1logo
Modelo Dixital de Elevacións (DEM) con curvas de nivel da Laxe Da Presiña // Imaxe: Proxecto Equus

A Laxe da Presiña

A Laxe da Presiña é unha estación de arte rupestre situada nunha ladeira ao pé do Lombo do Roxás, na parroquia de Peitieiros (Gondomar), que foi redescuberta polos veciños e veciñas de Peitieiros durante unha repoboación forestal con frondosas realizada en agosto do ano 2015.

laxedapresiñaconescala2
Ortofoto 3D da Laxe da Presiña // Imaxe: Proxecto Equus

Os gravados que conforman esta estación de arte rupestre atópanse nun penedo de granito de case 20 metros de lonxitude que foi vítima de pretéritas labores de cantería e de incendios forestais, tal e como dan fe as numerosas fracturas e termoclastos existentes ao longo de toda a súa superficie.  Polas súas dimensións, o fragueiro constitúe ademais un fito natural na paisaxe que é perfectamente visible dende lonxe e ofrece unhas vistas espectaculares do poñente e da enseada da Ramallosa.

0-26
Vista cara o poñente dende o petróglifo da Laxe da Presiña // Imaxe: Eloy Martínez

Os gravados distribúense por case toda a superficie do penedo, que presenta unha pronunciada inclinación dende a zona central á zona inferior orientada cara ó sur. Nesta parede vertical a temática dos gravados é case exclusivamente xeométrica.

SECTOR5 NORTE 107
Superposición de motivos modernos e prehistóricos (modelo 3D) // Imaxe: Proxecto Equus

A rocha está profusamente gravada de motivos de época histórica (cruces de termo, coviñas, nomes, motivos cuadrangulares, etc.) e prehistórica (circos concéntricos e simples, un semicírculo concéntrico, coviñas, espirais, varios cuadrúpedes, etc.), que se superpoñen por toda a superficie mediante o aproveitamento do relevo e das imperfeccións que a pedra proporciona aos gravados.

0-1
Un dos motivos menos visíbeis gravado na parede suroeste do petróglifo // Imaxe: Eloy Martínez

Na cara nordeste do penedo atópanse a maioría dos motivos modernos, que nalgúns casos conviven con círculos concéntricos e -alomenos- unha espiral, un motivo moi inusual no Grupo Galaico da Arte Rupestre e a segunda coñecida en Gondomar.

espiral
Unha das espirais xunto a gravados de época moderna // Imaxe: Eloy Martínez

Na cara central atopamos a maior densidade de motivos prehistóricos de toda a superficie, que van diminuíndo a medida que nos movemos cara a parte máis occidental do penedo. Dentro dos motivos xeométricos, destaca o gran número de circos simples e concéntricos con coviña central; neste último grupo, destacamos un circo concéntrico incompleto de case 1 metro de diámetro que presenta coviñas entre suco e suco.

0-23
Aproveitamento de diaclasas na creación de motivos // Imaxe: Eloy Martínez

Por outra banda, unha serie de figuras gravadas en base á conxunción de circos concéntricos, coviñas e as diaclasas da rocha, semellan perfilar unha figura antropomorfa; este tipo de representación recorda a outros modelos como os de Chousa de Montañés (Vilarmaior) ou Bouça do Colado (Ponte da Barca, Portugal), que na bibliografía tradicional son interpretados -quizáis con certo optimismo- coma idoliformes.

0-4
Semicírculo concéntrico xunto a outros motivos de difícil lectura // Imaxe: Eloy Martínez

Na cara máis meridional, nunha zona moi empinada, atopamos varios motivos de difícil lectura a causa da erosión entre os que atopamos -apoiado sobre unha diaclasa da pedra- un semicírculo concéntrico con óvalo central do que sobresae un trazo curvo cara a dereita. Trátase dun motivo moi pouco frecuente na arte rupestre galega, que comparte escenario con outros motivos aínda por precisar.

0-12
Posible cuadrúpede gravado na rocha // Imaxe: Eloy Martínez

Un pouco máis abaixo, nunha parede vertical, existe a representación dun cuadrúpede de trazo simple co rabo cara adiante -quizáis un cánido- que se suma ao doutros esquemáticos máis -ou alomenos un- situados na cara oeste do petróglifo. Neste caso, nos cuadrúpedes -tamén esquemáticos pero cuns trazos moito máis esvaecidos- non parecen existir indicios da representación dunha cola.

CUADRUPEDES063 copia
Dúas posibles representacións de cuadrúpedes na Laxe da Presiña (modelo 3D) // Imaxe: Proxecto Equus

A Laxe da Presiña supón un gran descubrimento no ámbito dos gravados rupestres do Val Miñor. Nela conviven -coma se dun palimpsesto se tratara- as pegadas de miles de anos da historia de Peitieiros, aunando arte xeométrica, naturalista e motivos modernos, coa singularidade ademáis de incorporar elementos tan pouco frecuentes no Grupo Galaico da Arte Rupestre como o son as espirais e os semicírculos concéntricos. Esperamos que esta presentación sexa un punto de partida para a posta en valor desta xoia da arte rupestre.

Localización do petróglifo

Presentación da exposición “Gravados de équidos na bacía do Río Miño”

O Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) ven de inaugurar, xunto con outros sete colectivos (ACAMO, A Jalleira, ANABAM, Colectivo Sociocultural Carballas, SOS A Groba e o Fuscalho), as actividades do II Mes pola Conservación que neste mes de maio terán lugar nos dous lados do río Miño baixo o lema O Minho e Nós. Un dos obxectivos desta iniciativa, é fortalecer o tecido asociativo de base no Baixo Miño mediante a organización de actividades culturais que teñen como elemento en común a relación entre o sur de Galicia e o norte de Portugal.

8d2da28ef7d1d602a7ef32e281a1242d_XL
Axenda cultural do II mes pola conservación

No marco deste mes pola conservación e das actividades de divulgación do Proxecto Equus, a pasada fin de semana tivo lugar a presentación da exposición temporal Gravados de équidos na bacía do Río Miño no Núcleo Museológico Municipal de Valença (Portugal), composta por unha selección de calcos de petróglifos con representacións de équidos realizados maxistralmente por Manolo Ledo.

3793.jpg
Cartel publicitario da mostra de calcos de Manolo Ledo

O venres 5 de Maio tivo lugar a presentación da mencionada exposición no Núcleo Museologico Municipal, acto no que interviron o presidente da cámara municipal de Valença, Jorge Salgueiro, e o coordinador do Proxecto Equus, Xilberte Manso, e ao que asistiron ademáis os presidentes das freguesías do concello de Valença. Pola súa banda, Manolo Ledo fixo tamén unha pequena demostración de talla lítica mediante a creación de dous bifaces, outra das facetas tratadas na mostra.

IMG_5776.JPG
Asistentes durante a presentación da mostra // Eloy Martínez

O obxectivo deste acto era dar a coñecer algunhas das manifestacións da arte rupestre menos coñecidas de Valença, un camiño necesario para sementar entre os cidadáns o respecto, a valoración e a protección deste tipo de manifestacións artísticas.

IMG_20170503_113342.jpg
Algúns dos calcos de Manolo Ledo con representación de équidos // Eloy Martínez

Por outra banda, o sábado 6 de maio tivo lugar unha charla sobre petróglifos con representación de équidos na bacía do río Miño a cargo de Xosé Lois Vilar, arqueólogo e coordinador da sección de arqueoloxía do IEM. Nesta disertación, ademáis de presentar os obxectivos do Proxecto Equus, o investigador fixo fincapé na necesidade de dar a coñecer, dunha forma didáctica e asequible a tódolos públicos, a riqueza do noso patrimonio basándose na longa experiencia que o IEM ten na organización de visitas guiadas aos petróglifos do Val Miñor. En palabras de Vilar, “no Val Miñor hai xeracións enteiras de nenos que miraron arte rupestre; non poden dicir que non saben o que é un petróglifo”.

SONY DSC
Momento da charla a cargo de Xosé Lois Vilar // Bruno Centelles

Por último, dende o Proxecto Equus queremos dar as gracias á Cámara Municipal de Valença e ao Núcleo Museológico Municipal pola súa boa disposición na organización destas dúas xornadas culturais. Agardamos poder seguir colaborando con eles na organización de eventos coma éste a prol da cultura.

Equus: Ferus Atlanticus

Cartel-Curtametraxe-PQ2-1
Cartel promocional da curta Equus: Ferus Atlanticus

A finais do pasado ano coñecíamos aos premiados no concurso de curtas de temática arqueolóxica Telearqueoloxía, promovido polo Museo de Pontevedra e baixo o patrocinio da Deputación de Pontevedra. O Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) gañou o segundo premio na categoría bifaces coa súa curta Equus: Ferus Atlanticus, logrando 2000 € de premio que foron compartidos polas asociacións que colaboraron na realización da curta.

15541253_992431760862085_7475212649006168476_n
Momento no que se fixo entrega do segundo premio ao equipo técnico de Equus: ferus atlanticus

A curta amosaba unha pequena parte do traballo que o Proxecto Equus está a realizar sobre o estudo dos garranos da Serra da Groba e a súa representación gráfica nos petróglifos existentes na nosa contorna e na bacía do río Miño, tanto na beira portuguesa como na galega.

15591058_1156090894439944_5764443003477547655_o.jpeg
Diploma acreditativo da obtención do segundo premio na cateogría Bifaces de Telearqueloxía

Como traballo de curta duración e aínda en fase de investigación, no vídeo non se amosaban tódalas representacións coñecidas ata agora, nin algunhas novidades que o Proxecto Equus irá mostrando nos próximos meses. Si se indica o gran valor que teñen os garranos como patrimonio natural e cultural, senlleiro das nosas terras do sur e do norte de Portugal, e dos petróglifos con escenas de monta e caza de équidos que se coñecen e outros de novo descubrimento nos que hai patróns gráficos e estéticos novidosos no mundo da arte rupestre galega.

 

O Proxecto EQUUS

O Instituto de Estudos Miñoráns ten unha longa tradición de estudo, conservación, defensa e divulgación da arte rupestre e dos garranos dos montes do Val de Miñor. Con EQUUS quixemos unir e estruturar nun só proxecto estes camiños paralelos pero complementarios.

Un dos nosos suxeitos de estudo son os garranos ou burras do monte que viven ceibes nos montes de Galicia e no norte de Portugal, tamén por todo o setentrión ibérico con distintas circunstancias xeográficas, administrativas, medioambientais, etc.

LOGO EQUUS SOBRE BLANCO
Logotipo do Proxecto EQUUS // Instituto de Estudos Miñoráns

Estamos a colaborar coas asociacións de propietarios no campo da legalidade administrativa, tentando explicarlle ás autoridades autonómicas a realidade das burras do monte no Val de Miñor e no Baixo Miño, para desbotar a etiqueta que as equipara a gado mostrenco, xa que nin son gado nin son mostrencos, senón animais salvaxes con propietario. Por outra banda, seguimos traballando na preparación dunha manda de burras do monte para o estudo evolutivo no seu medio natural coa mínima intervención humana.

IMG_19723
Garranos na Serra da Groba // Eloy Martínez

O outro pé do proxecto é o estudo da arte rupestre con representación de équidos no sur da provincia de Pontevedra e o norte de Portugal, proxecto co que levamos traballando máis de dez anos e que organizamos nos seguintes pasos:

  • Identificación dos petróglifos con representación de équidos.
  • Elaboración dun modelo de ficha descritiva do representado, soporte e medio micro e macroxeográfico.
  • Rexistro gráfico dos petróglifos mediante o emprego de fotografía, fotogrametría, calco e debuxo dos mesmos.
  • Elaboración dun museo virtual cos petróglifos que nos ocupan e divulgación dos mesmos na internet.
  • Definición do entorno arqueolóxico.
  • Os datos anteriores valerán para facer unha análise dos estilos, discurso iconográfico, frecuencia de aparición de motivos, entorno artístico, etc., deste conxunto de petróglifos.
Outeiro dos Morouzos - Oia (5)
Petróglifo de Outeiro dos Morouzos (Pedornes, Oia) // Juan Chamorro

Detrás desta análise polo miúdo do fenómeno das representacións de équidos na arte rupestre galaica ou atlántica, latexan varias liñas de conclusións que plantexamos como puntos dunha grande hipótese de traballo que temos que corroborar:

  • Hai équidos nas outras áreas de arte rupestre en Galicia pero en función -case sempre- da caza do cervo, animal éste preponderante e masivamente representado.
  • Existe un cambio de modelo de representación que ten como fronteira a Ría de Vigo, ó sur da cal os cervos son moitísimo máis escasos e polo tanto tamén os gravados con escenas de caza de cervos: este animal pasa a un segundo plano pola omnipresenza dos équidos.
  • O cabalo ou garrano pasa a ser o centro da representación; cázase dende él, é cazado en vivo e tamén matado. Se está montado está domesticado, valería para comer, criar, montar, tirar do carro ou tirar do arado. Se cadra tiña valores inmateriais, quizáis apotropaicos, de prestixio, totémicos, etc.
  • Asociados ós équidos, aparecen compartindo ou desenvolvendo o discurso iconográfico unha serie de elementos icónicos con certa frecuencia presencial.
  • Macroespacialmente, as representacións de équidos comparten territorio cos motivos reticulados e cos muíños naviculares de soprote fixo.
  • Por suposto que xurdirá o tema cronolóxico en paralelo ó outro tema importante que é o da monta; é serodia da Idade do Ferro como se ten proposto ou do cedo ó longo do Calcolítico ou da Idade do bronce? Garranos non faltan, nin nos petróglifos nin no monte, vivos e rinchando.

As vertentes etnográfica, reivindicativa/burocrática e arqueolóxica teñen continuidade natural no campo da divulgación a través de publicacións, conferencias, visitas guiadas e vinculación ó mundo do ensino dentro da liña máis xebre, esburga do ser do Instituto de Estudos Miñoráns.